HISTORIA DO RACING SAN LORENZO DENDE 2022 ATA A ACTUALIDADE.
A historia recente do Racing San Lorenzo é un testemuño de lealdade e fe na xente da casa. Na temporada 2021-2022, o club viviu un dos seus momentos máis amargos ao descender da Segunda Futgal á Terceira. A situación era tan crítica que a intención inicial era non saír a competir ao ano seguinte. De feito, produciuse unha fuxida xeral: marcharon todos menos Dani Mato e Dani Vega.
Ambos decidiron quedar porque o equipo xuvenil ao completo pasaba a ser senior de primeiro ano. Maiki, que por aquel entón era o adestrador dese equipo xuvenil, tiña a ilusión de seguir adestrándoos; levaban xuntos desde que tiñan uns 8 anos e viñan de asinar unha temporada tremenda, conseguindo un ascenso e a Copa de Santiago. Eses dous títulos foron o impulso definitivo para que o equipo senior seguise competindo con aquela plantilla de xuvenís de último ano. Era o comezo de algo glorioso, algo que ninguén imaxinaba que ía pasar.
O presidente Jose Moure e Maiki, o adestrador, apostaron decididamente pola canteira e por dar saída a eses mozos. Aquel equipo que saíu a pelexar na temporada 2022-23 contaba coa seguinte plantilla:
Manuel Baluja, Gonzalo, Gabriel, Dani Mato, Daniel Vega, Hugo Fernandez, Juan, Pablo Otero, Julián, Ander, Samu, Nico Díaz, Alfonso, Gonzalo Paderne, Rubén, Dinho, Jano, Guldrís, Liyu, Ronald, Rui e Nico Balo.
Pasadas unhas xornadas, reforzáronse co fichaxe de Pablo Moure, un xogador que fixera a pretempada con toda unha SD Compostela en 2014 ao terminar a súa etapa xuvenil, e que contaba cun longo historial en equipos como o CD Estradense, Noia FC, Puebla FC, SD Dubra e SD Órdenes. Pese ao esforzo, aquel primeiro ano non se conseguiu o ascenso.
Chegada a temporada 2023-24, o clube moveuse para traer fichaxes con experiencia que axudasen ós mozos a dar un salto de calidade. Houbo xogadores que marcharon e outros que chegaron, como foron os casos de: Jano (gardameta), Carlos García, Valiñas, Alex Brea, Hugo, Chisco, Sergio Brea, Younes Baltham e Adrian Baliño. Algúns destes homes, como Adrián Baliño e Sergio Brea, viñan con experiencia de sobra na Preferente Futgal; xogadores doutra categoría que estiveran ao máis alto nivel nas súas etapas formativas. Pola súa parte, Younes Baltham foi un fichaxe veterano, con mil batallas ás súas costas; o marroquí xogara na Primeira División do seu país e na Primeira División de Libia, entre outras.
Estes reforzos, coa guía dos adestradores Maiki e Ringo, fixeron que o Racing San Lorenzo puidese optar á fase de ascenso á Segunda Futgal. Nas semifinais tocou medirse ao Atlético Fátima. Na ida o Racing gañou 0-1 con gol de Hugo, e na volta confirmouse a superioridade gañando 2-1 con goles de Younes e Alex Brea.
Xa na final polo ascenso, o rival era o Milladoiro. No partido de ida o equipo caeu por 1-0, pero malia a derrota, os xogadores fóronse coa cabeza alta, sabendo que o resultado fora inxusto, que merecían máis e que no partido de volta ían remontar. E así foi. Chegado o día, cun campo de Santa Isabel a rebosar de afeccionados, o Racing San Lorenzo gañou 2-0 con dous goles do seu dianteiro, Younes Baltham, selando un regreso á gloria que naceu da fidelidade duns poucos e do talento de toda unha xeración.
Na tempada 2024-25, o Racing San Lorenzo regresaba á Segunda Futgal coa ambición de quen sabe que o seu sitio está máis arriba. A directiva e o corpo técnico decidiron renovar a plantilla para afrontar o novo reto, incorporando pezas clave: Valladares, Fede, Marcos Mato, Manuel Alcalde, Djalma e David Suárez.
Mentres Fede e Valladares chegaban como dous mozos sobrados de enerxía e famentos de minutos, Marcos Mato e Manuel Alcalde aportaron ese extra de experiencia vital tras o seu paso pola Segunda e Primeira Futgal da comarca. Para o gol, o nome propio foi Djalma, o encargado de asegurar a permanencia, e como guinda do pastel, o regreso dunha lenda: David Suárez. Un xogador extraordinario que, con case 40 anos e unha traxectoria espectacular entre Preferente e Terceira, volvía ao Racing 15 tempadas despois de defender a nosa camiseta en 2008.
Esta gran renovación supuxo un punto de inflexión, xa que moitos dos mozos que deran o salto en 2022 quedaron sen oco. Porén, a esencia de aquela xeración seguiu viva nos pés de Juan, Pablo Otero, Ander, Nico Balo, Nico Díaz, Jano e Rubén, os únicos capaces de manter o ritmo dun plantel que miraba cara arriba. Baixo a batuta de Maiki e Ringo, o equipo volveu obrar o milagre: acadar unha segunda fase de ascenso consecutiva que resultaría épica.
O primeiro obstáculo foi o Brexo Lema SD. No partido de ida na Coruña, o Racing deu un recital na primeira parte, adiantándose cun gol de Ander. Tivemos a oportunidade de matar a eliminatoria, pero o balón non quixo entrar máis veces. Na segunda metade, un erro no saque custounos un gol de falta indirecta e o 1-1 definitivo.
A volta, no Campo da USC, foi un exercicio de fe. Comezamos perdendo no minuto 20, pero o equipo non se amedrentou. Coa afección envorcada, Carlos García logrou o empate no 57. Tras 120 minutos de loita extenuante, o destino decidiuse nos penaltis. Alí emerxeu a figura xigantesca de Jano, que catapultou ao Racing á gran final.
Na final esperaba o Riotorto, un bloque veterano e curtido. No fortín da USC, o Racing saíu a morder, consciente de que había que sentenciar antes de viaxar a Lugo. Aquela tarde foi a de Younes Baltham. O dianteiro asinou unha actuación para a historia do club, marcando os catro goles (4-1) que desataron a tolemia na grada. Un "póker" lendario que nos facía soñar.
O partido de volta foi un calvario de dúas horas de autobús cara a Lugo e noventa minutos de sufrimento extremo. O Riotorto apertou ata poñerse 2-0 na primeira parte. Malia as nosas ocasións claras, o fútbol foi cruel e, case ao final, encaixamos o 3-0 que mandaba o partido á prórroga.
Con todo en contra e o cansazo pesando nas pernas, saíu a relucir a xuventude e a valentía do noso banco. Maiki moveu fichas e deu entrada a Mateo Casas (xuvenil) e de novo a Carlos García. Foi este último, Carlos, quen nunha contra marabillosa nos minutos finais da prórroga, definiu con mestría para poñer o 3-1 definitivo (4-5 no global). Ese gol selou o segundo ascenso consecutivo.
A festa no campo e a viaxe de volta no autobús quedan gravadas na retina con bágoas de recordo. Ese día, aquel grupo de valentes convertéronse en xogadores de Primeira Futgal, asinando unha fazaña que xa é parte da historia eterna do Racing San Lorenzo.









